Lembranzas e fantasías
ANGEL UTRERA
Lembranzas e fantasías
¿Quen non fabricou lembranzas algunha vez, diante dun espello sucio e roto polo paso imperdoable do tempo que remata con todo, mesmo cos recordos mais fermosos e íntimos, aniquilándonos como persoas e deixándonos tan so o corpo coma unha coroza da que non se pode fuxir, a soas coa navalla de afeitar rasurando a túa meixela como única verdade?
¿Quen non se preguntou diante da imaxe que tes que seren ti reflectida, borrosa, abafada polo vao da auga quente da ducha que tes aberta para que vaia temperando, e ti so, cara a cara cos estragos do tempo morno que se foi día a día, paseniño, ano a ano, sen posibilidade de mentirche para seguir vivindo unha nova realidade, unha fantasía, outra mentira que che permita botarte á rúa de novo buscando morrer en cada esquina, e logo ti, que estás a facer aquí?
¿Quen non rebuscou entre vellos trastes inútiles e inservibles cubertos de pó e esquecidos no fondo do fallado da casa, buscando sen atopar os máis queridos e dolorosos dos nosos recordos apartados nun curruncho do noso corazón, pero nunca xamais esquecidos?
¿Quen non tentou cicratizar a ferida invisible que non sanda endexamais, pero doe, malaia o paso dos días. Ferida feita a base de fracasos, das despedidas, das ausencias forzadas e forzosas, das ilusións murchas, da realidade triste e gris de homes mediocres?
¿Quen ollando con tristura e saudade unha daquelas fotos en branco e negro dos pais, vémonos en pantalón curto, e alí estamos nós collidos da súa man forte, porto seguro e infranqueable, capaz de dominar os nosos medos e facernos os donos dos nosos soños infantís, sentindo que con eles nunca nada malo nos pode chegar a ocorrer, quen non quedou mudo de espanto, sentindo certamente que toda a nosa pasada vida foi tan so un pesadelo, un mal soño, unha imaxe que vai perdendo claridade, nitidez, ata desaparecer totalmente, coma a onda que a pedra que lanzamos fai nas augas salgadas do mar da nosa putrefacta mentira eterna, dos soños, fracasos e desenganos?
¿Quen se acaso é tan valente como para enfrontarse a toda esta realidade que é vivir e morrer en cada instante, coma as papoulas murchas, sen arrecendo nin follas cando sopra o vento nordés contra a chaira e o leva todo?
No hay comentarios:
Publicar un comentario